Saltar ao contido

Batalla de Delft (1573)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Delft
Parte de
Guerra de Flandres
Guerra anglo-española de 1585-1604

Mapa de Delft de 1580
Data Outubro de 1573
Lugar Delft
Holanda Meridional
Países Baixos Países Baixos (na actualidade)
Coordenadas
Resultado Derrota española
Belixerantes
Provincias Unidas
Inglaterra
España
Líderes
Guillerme I de Orange-Nassau
Thomas Morgan
Francisco de Valdez
Julián Romero
Forzas en combate
6.000 soldados (1.000 en Delft) 4.000 soldados
Baixas
Descoñecidas pero escasas 700 mortos

Batalla de Delft, tamén coñecida como Defensa de Delft, foi un enfrontamento militar enmarcado nas guerras dos oitenta anos e anglo-española, que tivo lugar en outubro de 1573 nas aforas da cidade de Delft, na Holanda Meridional, daquela pertencente ás Provincias Unidas e actualmente aos Países Baixos.

Sostiveron esta batalla unha pequena alianza anglo-holandesa, con Thomas Morgan ao mando, contra a ofensiva española dirixida por Francisco de Valdez. O exército español foi derrotado e forzado a retirarse.[1]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

O gobernador español dos Países BaixosFernando Álvarez de Toledo (o terceiro Duque de Alba) xa comandara o asedio a Alkmaar no mes de agosto, pero acabara sendo repelido. A principios de outubro produciuse o asedio a Leiden, mais a posibilidade dunha vitoria rápida esvaeceuse cando os españois se decataron das fortes defensas e o bo abastecemento da cidade.[2][3]

O Duque de Alba dispuxo entón un terzo de veteranos xunto con doce compañías de valóns (en total uns 4.000 homes) baixo as ordes de Julián Romero, para se introducir en Holanda, co obxectivo de apoderarse das aldeas ricas e as cidades próximas entre Leiden, Delft, a costa e o río Mosa, de xeito que quedase cortada calquera posibilidade de auxilio á asediada Leiden.[4] As tropas españolas capturaron A Haia sen resistencia e axiña fortificaron a cidade.[5]

Mentres tanto, o rexemento de ingleses, escoceses, algunhas compañías francesas de Hugonotes, baixo as ordes de Thomas Morgan,  ademais das tropas holandesas comandadas polo Príncipe de Orange foron tomando posicións nas aldeas entre Delft e Rotterdam, que estaban fóra do control español.[6] Dispuxéronse protexidos por trincheiras a ambas as beiras das estradas.[7] Esta posición aseguráballe ao Príncipe de Orange o control da área dos vales dos ríos IJssel e Mosa.[8]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

As forzas holandesas albiscaron a aproximación a Delft cando estas atravesaban os arredores da Haia. As tropas españolas comandadas por Julián Romero atrincheiráronse nunha ponte de pedra a medio camiño entre A Haia e Delft, e cortaron a pasaxe cara a Leiden. Os holandeses queimaron todas as casas das aforas para privar os españois de calquera refuxio. O Príncipe de Orange tiña un total de 6.000 homes entre Rotterdam e Delft, mais non tiña suficientes tropas experimentadas para se enfrontaren aos terzos españois en combate aberto.[9]

Francisco de Valdez dirixiu as tropas españolas (retrato de Cornelis de Visscher) 

Francisco de Valdez construíu unhas barcas nas que introduciu case un milleiro de efectivos ben seleccionados, coa intención de gañar a cidade á noite entrando desde diferentes flancos. Algunhas destas embarcacións conseguiron entrar en Delft, coa axuda dun espía francés, mais a gornición estaba alerta e conseguir abater ou capturar os atacantes españois. Mentres, no bastión de Polderwaert, nas aforas de Delft, o capitán Chester e a súa compañía de 200 homes ingleses armados repelían o ataque español causando numerosas baixas.[10]

Ante esta situación defensiva, Valdez decidiu emprender o gran asalto á cidade. Coñecedores desta decisión pola información obtida fundamentalmente polos labores de intelixencia e polas confesións dos prisioneiros, a gornición defensiva reforzouse con arredor dun milleiro máis de homes procedentes das aldeas próximas e os canóns cargáronse con calquera cousa que puidese resultar eficaz (balas de mosquete, cravos, etc.).[11]

Retrato de Guillerme I, Príncipe de Orange (Adriaen Thomasz)

No entanto, o asalto final non chegou a producirse, xa que Valdez considerou que as defensas eran moito máis fortes do que en principio consideraran. Ao considerar improcedente o ataque, as tropas españolas retiráronse.[12]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Aínda sen culminar a ofensiva, o exército español perdeu 700 homes, maioritariamente nas aforas da cidade. Delft e tamén outras cidades holandesas conseguiran salvarse, o que implicaba ademais unha esperanza para a poboación asediada en Leiden.[13]

Logo destas tentativas infrutuosas, Valdez informou o Duque de Alba da súa derrota e de que a vitoria non podería producirse sen unha forza maior, fundamentalmente de artillaría. O Duque determinou non reforzar as tropas, o que significaba que as que había despregadas terían que abandonar a zona.[14]

Pola súa acción na axuda para repeler o ataque español na cidade, o Príncipe de Orange promoveu a Chester ao rango de tenente coronel. Pola súa banda, o Duque de Alba solicitou o seu retiro e partiu dos Países Baixos en 1574.[15]

  1. Tillotson, John. Stories of the wars, 1574-1658, from the rise of the Dutch republic to the death of O. Cromwell. Oxford University. 1865 Páxina 13.
  2. Fruin. Páxinas 17-22.
  3. Pratt. Páxina 163.
  4. Evans, John X (1972). Páxina 234.
  5. Butler, Lomas, Hinds, Wernham, John, Sophia, Allen, Richard. Calendar of State Papers, Foreign Series, of the Reign of Elizabeth: 1572-1574 Volume 10. Green, Longman, Roberts & Green. 1876. Páxinas 437–438.
  6. Kittle, William. G. Gascoigne, April 1562 to January 1, 1578. W.F. Roberts Company. 1930. Páxinas 50–53.
  7. Hofdijk, Willem Jacobszoon. Leydens wee en zegepraal, 1573-1574 (Dutch). National Library of the Netherlands: Van Santen. 1874. Páxina 124.
  8. Rich. Páxina 383.
  9. Tracy. Páxina 37.
  10. Chester, Robert. Poems, Volumes 14-16. Bryn Mawr College. 1913 Páxina XlVII.
  11. Evans, John X. The works of Sir Roger Williams. Clarendon Press. 1972. Páxinas 137–138.
  12. Stwart. Páxina 114.
  13. Motley, John Lothrop. The Rise of the Dutch Republic: Complete in One Volume Author. National Library of the Netherlands: Strahan. 1863. Páxina. 569.
  14. Scott, Walter. A Collection of Scarce and Valuable Tracts: On the Most Interesting and Entertaining Subjects. T. Cadell, W. Davies. 1809. Páxinas 373–374.
  15. Knight, Charles Raleigh. Historical records of The Buffs, East Kent Regiment (3rd Foot) formerly designated the Holland Regiment and Prince George of Denmark's Regiment. Vol I. Londres, Gale & Polden, 1905. Páxina 11.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Fruin, Jacobus Antonie (2013). The Siege and Relief of Leyden in 1574. Springer. [ISBN 9789401768207]
  • Rich, Barnaby (2014). Rich’s Farewell to Military Profession, 1581. University of Texas Press. [ISBN 9780292772335]
  • Pratt, Fletcher (2013). The Battles that Changed History. Courier Corporation. [ISBN 9780486318943]
  • Swart, Erik (2006). Krijgsvolk: militaire professionalisering en het ontstaan van het Staatse leger, 1568-1590 (Amsterdam studies in the Dutch golden age). Amsterdam U.P. [ISBN 9789053568767]
  • Tracy, James (2008). The Founding of the Dutch Republic: War, Finance, and Politics in Holland, 1572-1588. OUP Oxford. [ISBN 9780191607288]